ASAMBLEAS ABERTAS DE PROFESOR@S DO IES MONTE CASTELO
COMUNICADO Nº5 18-11-2011
4º DOCUMENTO DO ESTUDO SOBRE A SITUACIÓN REAL DO ENSINO PÚBLICO
NOTA DE PRENSA
A Asamblea Aberta de Profesores e Profesoras do IES Monte Castelo, na reunión do pasado luns 14, analizou os concertos económicos de 2005-2009 e de 2009-2013 que a Xunta de Galicia adxudica aos centros privados concertados, chegando á conclusión de que o aumento do gasto público en educación concertada dun período ao o outro supuxo case un corenta e cinco por cento.
PERIODO 2005-2009 | PERIODO 2009-2013 |
705.427.009,44 | 1.018.039.501,45 |
diferencia: + 312.612.492,01 | |
REFERENCIA: DOG 14 Xaneiro 2005
| REFERENCIA: DOG 21 xaneiro 2009 |
Pola contra, e ao longo deses mesmos períodos, no ensino público reduciuse o investimento en diferentes áreas de funcionamento tales coma a contratación de profesorado, a formación do mesmo (redución de cursos e asesores nos CFRs...), as licenzas por estudos, os intercambios lingüísticos para o alumnado...
Unha das premisas para conceder o réxime de Ensino Concertado é ”un informe da administración de déficit ou superávit nos postos escolares na localidade ou zona de escolarización”. Para o caso particular da comarca de A Mariña, e á vista dos datos de matrícula dos diferentes centros públicos, cabería preguntarse se o ensino público non cobre realmente as prazas necesarias. Analizados os casos concretos dos concellos de Foz e Ribadeo, onde coexisten os dous tipos de ensino, evidénciase que non é esa a situación, ou alomenos non en todos os niveis educativos. Cuestiónamos, pois, se temos que facer un desembolso dobre os cidadáns e as cidadás cando o ensino público podería cubrir todas ou a maior parte das necesidades educativas. Cuestionámonos, tamén, se a desaparición de unidades unitarias, de infantil... propicia, dalgunha maneira, a existencia de necesidades que se cubren cos concertos.