lunes, 7 de noviembre de 2011

ASAMBLEAS ABERTAS DE PROFESOR@S DO IES MONTE CASTELO Com. 2



ASAMBLEAS ABERTAS DE PROFESOR@S DO IES MONTE CASTELO

COMUNICADO Nº2                                                                                       21-10-2011

1º DOCUMENTO DO ESTUDO SOBRE A SITUACIÓN REAL DO ENSINO PÚBLICO

NOTA DE PRENSA

Os docentes do IES Monte Castelo que se reúnen os luns entre as 14 e as 16,15 horas, na xuntanza desta semana analizaron comparativamente o presuposto que a Consellería de Educación destina aos centros públicos e aos privados concertados. Aínda que continúan a traballar na análise dos datos e cifras da educación non universitaria de Galicia, a primeira conclusión que obtiveron é que a ensinanza concertada está a recibir grandes cantidades de diñeiro a través de subvencións adicionais, a maiores do propio concerto que teñen establecidos os centros. A concesión destas axudas aparece en ocasións publicitada na páxina oficial da Consellería de Educación, sen especificar que os destinatarios das mesmas son centros privados concertados.
Como exemplo destas concesións, no DOG do pasado 7 de setembro publicouse a orde pola que se resolve a convocatoria de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades educativas de apoio específico. Estas subvencións, que ascenden a case 220.000 €, ábrenlle a posibilidade aos centros beneficiarios de facer pequenas obras de adaptación, mercar materiail específico ordinario e contratar persoal complementario, posibilidade que non teñen os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial. A noticia relacionada con esta resolución que aparece na páxina da Consellería con data de 19 de setembro di literalmente que “a Consellería de Educación inviste case 270.000 euros para a atención á diversidade nos centros educativos. Os colexios e institutos galegos benefícianse de axudas para a compra de material para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”.
Cómpre destacar que a case totalidade dos centros de educación infantil, primaria e secundaria beneficiarios da axuda son centros de ideario relixioso católico.  
 A idea central da reunión de cada luns pode lerse ao longo da semana en diferentes carteis colocados polos pasillos do IES. A desta semana, “Son públic@, pero non me vendo”, únese á da semana pasada, “Escola pública, de tod@s e para tod@s”.